Historia do Breogán F.C.

Pasado marelo, presente laranxa

Todo comezou cando uns rapaces do Fogar de Santa Margarida quedaban para xogar nas leiras de San Pedro de Visma, preto da pedra grande, onde se xuntan os barrios do Ventorrillo a Agra do Orzán e San Pedro. Dúas bostas secas facían ás veces de portería, cando non as chaquetas dos xogadores. Logo, víronse obrigados a emigrar debido a cantidade de xeringas que deixaban os drogadictos entre a herba logo de se chutar. Os venres pola tarde, collían o bus na chamada Parada da Cabra (enfronte á Panadería da Agra do Orzán, na Avenida Finisterre) e ían a Pastoriza. Alí xogaban nun campo inclinado e rodeado de silvas. Logo pasaron a ocupar o campo do Pastoriza, que, en ocasións, tiñan que abandonar para escapar dos perdigóns da escopeta do coidador. Alá polo ano 1996 foi cando eses estudantes do Fogar de Santa Margarida decidiron xuntarse e forma-lo Breogán. Xogaban as fins de semana ó rei da pista na cancha do Instituto Agra do Orzán II, pista ó aire libre que hoxe xa non existe. Para acceder ó recinto había que salta-lo valado. Canto mellor sería xogar nunha cancha cuberta e, se puidese ser, con parqué.
Así creouse o Breogán. Sebas Pan (o único que non estudaba no Fogar nin era da Agra, senón do Castrillón), Wences García, Rubén Rodríguez, Óscar Regueiro, Diego Pardo, Dani Mato e Iván Castro formaron o primeiro plantel. Había que procurar un nome e, tralo debate, acordouse chama-la nova agrupación Breogán F.C. (Festa e Carallada). Breogán polo líder castrexo, o mito inmortal da cidade da Coruña e de Galicia. O F.C. xogando coa abreviatura de Fútbol Clube e o significado real de Festa e Carallada (posto que se trata dun equipo de amigos co único obxectivo de pasalo ben xuntos). De feito, no maratón de Salesianos o Breogán foi inscrito como Breogán Efesé, xa que Sebas estivo emigrado en Cartaxena catro anos e o equipo cartaxinés era coñecido cariñosamente como Efesé (polo F.C.)
O segundo paso era conseguir unha equipación. Os recursos económicos eran moi, moi, moi limitados, polo que habería que escoller entre o máis barato. Tamén habería que defini-las cores. Pensouse nunha camisola raiada en negro e marelo. Coidamos que o Coruña, o histórico primeiro rival do Dépor na nosa cidade, vestía así. Ademais, gustábanos tamén como vestía Peñarol e as cores invitaban a pensar que non habería moita coincidencia cos equipos rivais, co que nos poderiamos aforrar unha segunda vestimenta. A equipación máis barata era a Boomerang, pero nesa combinación cromática, non había camisola raiada. Así foi que o primeiro uniforme consistía nunha camisa marela co colo negro e ribetes negros, pantalón negro e medias marelas con volta negra. Esa indumentaria empregouse en maratóns de fútbol sala e competicións de poucos días na Coruña.
Pasaron os anos e cadaquén buscou o seu camiño. Non todos quedamos na Coruña e non todos puidemos compaxinar o equipo coas nosas obrigas, co que se abandonou o proxecto. No ano 2002 renace de novo o Breogán. Inscríbese na Liga de Bergondo baixo o patrocinio de Extimbal. Nesta Liga compite tres temporadas. O equipo muda as súas cores debido a que había máis equipos marelos. Escóllese o laranxa pola proximidade cromática. Laranxa e negro, boa combinación. Lamentablemente, de novo por cuestións persoais e laborais, o equipo desmantélase no 2005.
Agora, no 2009 é o seu segundo renacer. Excluído da Liga de Bergondo por un sorteo ¿público? previo, con pouca marxe de maniobra, o Breogán apúntase a Liga que organiza o Colexio de Avogados da Coruña na Torre. Pásase do fútbol sala ó fútbol 7. Do equipo inicial seguen catro integrantes. O plantel formámolo trece futbolistas. Malia o noso desacougo, comunicóusenos recentemente que a liga demorará o seu comezo por obras nas instalacións. Pero agora xa é inevitable, o Breogán rexurde. ¡Fogar de Breogán! ¡Forza Breogán!

Primeira equipación do Breogán (1996) 

Equipación actual (dende 2009) 

O primeiro escudo do Breogán F.C. e que aínda está nas actuais equipacións. O deseño central é un debuxo básico de Breogán quitado dun folleto dos Riazor Blues onde aparecía o líder castrexo coas cores branquiazuis (o Dépor é o equipo da ampla maioría dos breoganistas). Por problemas coa casa de impresión, a piques estivo de poñer Agra do ¡Orgán! Solucionárono cunha chapuzada, imprimindo por riba vinilo azul mariño...

O novo escudo do Breogán, para unha futura equipación cando sexa o momento. Visto que o minimalismo do escudo orixinario non convencía ó grupo, o novo escudo toma un trazo máis moderno. A cara de guerreiro no medio tomouse modificando un debuxo dun viquingo atopado en internet. A base do escudo é a mesma que a do emblema renovado do Arsenal (xa de copiar, facelo dos que o fan ben). Na parte de abaixo, un petroglifo para remarcar esa volta ás orixes que nos leva a renace-lo equipo.

Equipación da Liga de Bergondo (2002)


Polideportivo de Guísamo, onde xogámo-la Liga de Bergondo de fútbol sala do 2002 ata o 2005. 

 
Make a Free Website with Yola.